Neste mes de decembro o acivo está en plena frutificación no noroeste ibérico, mostrando unha bela e colorida imaxe nos días invernais. En Galicia alternan formas con "r" e sen "r" para denominalo. No centro de Galicia a voz máis común é acivro (ás veces acivo), mentres que no occidente e no oriente é máis frecuente acevro (ás veces acevo). Nas montañas orientais aparece tamén a forma xardón, que no Bierzo se aplica tamén ás aciñeiras pequenas (de xeito semellante á voz sardão de Trás-Os-Montes).
Nunhas poucas terras galegas veciñas con Portugal úsase a denominación aceviño, similar ao port. azevinho (que chegou até Canarias para designar as especies macaronésicas).
Indo máis para o norte, na Limia, esta voz afín á portuguesa múdase para enceviño (encebiño na toponimia). Nótese que a Real Academia Galega recomenda escribir todas estas voces con "v", ao proceder do latín aquifolium, aínda que foi común o uso con "b" en todas elas.
Na lingua escrita galega foron usadas tanto acivro, como acevo, acivo e aceviño, sendo acivro máis frecuente, estando ademais máis estendido popularmente en Galicia
1 comentário:
Na bisbarra de Monterrei tamén se lle chama Xardón á Aciñeira, o Quercus con folla de Ilex...
Saúdos
Enviar um comentário