quarta-feira, maio 08, 2013

Voitres e abutres

Normalmente tendemos a pensar que a lingua culta reflecte as formas máis comúns do idioma, e que este se desagrega en variedades locais, pero o proceso é realmente o inverso. A partir de variedades locais selecciónase, por diferentes motivos, unha forma que se impón, por medio do sistema educativo ou a literatura ao resto do dominio lingüístico. O proceso de formación do estándar non foi igual en todas as linguas. Algunhas como o francés acolleron moito vocabulario latino ou creado a partir de palabras latinas (é dicir, non eran formas populares, pero hoxe foron popularizadas).

No galego, cada vez que reviso máis e máis nomes vexo que tamén houbo unha clara construción histórica, sen ter en conta estritamente os usos populares maioritarios. Isto é o normal e esperable, porque só recentemente se obtivo unha "fotografía· completa dos usos populares da lingua, e é, alén diso, o proceso normal nas linguas europeas máis difundidas.

En galego hai que acrecentar a influencia do castelán, co que o panorama se fai máis complexo. Porén todo é ben máis simple, se entendemos os procesos. Tomemos o nome voitre ou abutre. En galego medieval podemos atopar vóytor, voutre, vúytere, búitere.  Hoxe en día popularmente o maioritario é buitre (en zonas onde moito é muito, pode ser a forma xenuína), pero no resto buitre vén do castelán. En varios puntos da provincia de Lugo (montañas do Xistral, O Incio) parecen pervivir popularmente voitre, vóítera e vroite, mentres que no sur de Pontevedra, A Limia, Valdeorras e O Bierzo atópase butre no Atlas Lingüístico Galego, voz que por outro lado é semellante ao portugués abutre e idéntica ao castelán popular butre. Voutre é testemuñal, aparece nun só punto, dos cento e pico do Atlas.

Na literatura moderna, porén, domina abutre (datos do TILGA, Tesouro Informatizado da Lingua Galega, corrixido como avutre nesta fonte), tomando o exemplo do portugués estándar. Cabe dicir que no propio portugués unha das formas antigas é bruite, rexistrada na Peneda-Xurés. A Real Academia Galega rescatou recentemente o nome voitre e o elevou a nome estándar proposto. Complicado? eu creo que non. Que forma lle gusta máis ao lector voitre ou abutre?