Confeso publicamente unha certa fixación cos ambientes naturais fríos e frescos. As miñas dúas árbores preferidas son o bidueiro (Betula alba) e o capudre (Sorbus aucuparia), que son frecuentes nas zonas máis altas e frías da Galiza. O Sorbus aucuparia ten nomes diferentes en galego e en portugués. En Portugal é moi escaso, sendo denominado nos libros tramazeira ou, menos habitualmente, cornogodinho.
De todos estes nomes o que máis fortuna tivo na lingua escrita galega foi capudre, variante característica, polo menos, dos Ancares lucenses. Capudre debe usarse tamén en área asturleonesas próximas, pois téñoo visto en folletos sobre Laciana (comarca onde se sitúa Villablino) e no dicionario asturiano on-line do xornal La Nueva España aparece caputre como voz usada no "Occidente". En varios concellos asturianos aparecen ademais voces similares (capudu, capurrio, capudru).
: