segunda-feira, agosto 02, 2010

Ansares e gansos

Ánsar (talvez ansar en ocasións) é un nome empregado para certas anátidas torpes e pesadas no galegoportugués medieval, sendo voz ausente hoxe en día da fala popular en galego e portugués.
Así, nas Cantigas de Santa María lese "como d´anssar un grand´ovo" e nun Fuero Real "mays se galinhas ou ansares ou outras cousas que non son bravas de natura", por poñer só dous exemplos.
A Guía das Aves de Galicia, de Penas Patiño e C. Silvar, recupera ese nome seguindo o modelo castelán para o xénero Anser. Temos que dicir, en primeiro lugar que na Idade Media eran habituais as traducións de relatos e textos de cetrería entre as diversas linguas europeas. En castelán ánsar ou ansar ten unha maior vixencia popular mentres ca no galego popular predomina ganso.
De acordo con F. Bernis pata sería outra voz común no Noroeste ibérico para os gansos, pero nas fontes consultadas (Dicionario de dicionarios e Glosario de voces galegas de hoxe), non parece que sexa común en Galicia. O nome ganso pois é o habitual en galego, e tamén o foi na lagoa da Antela, onde estas especies deberon de estar ben representadas, de acordo coas enquisas realizadas por A. Villarino e S. González e publicadas nun coñecido libro sobre a avifauna da zona.
Dar preferencia a ánsar e sobre ganso diferencia artificialmente galego e portugués, pois ánsar desapareceu tamén de Portugal.
Un nome curioso indicado na Guía das Aves de Galicia citada é sangano para Branta leucopsis, que aparece no Dicionario de dicionarios como voz para "ganso, ave doméstica"en dicionarios do sec. XX e ademais datada en Mondoñedo no ano 1326. Sen dúbida é bastante dificil de imaxinar que esta especie, que se ve raramente nas costas galegas, puidera orixinar ese nome naquelas terras mariñás. Parece máis lóxico aplicarlle ganso de cara branca conforme aos usos en portugués e castelán (cast. barnacla cariblanca, port. ganso-de-faces-brancas)

Sem comentários: