quarta-feira, agosto 11, 2010

alcaraváns e pernileiros

O pernileiro ou alcaraván (Burhinus oedicnemus) é unha especie de ave pernalta, de cor castaña clara, con plumas negras na punta das alas. Prospera en terreos secos, con pouca cobertura vexetal, como por exemplo dunas ou campos extensos, onde busca os diversos invertebrados que compoñen maiormente a súa dieta. Os seus ollos saltóns e figura esvelta fan que sexa un elegante e estraño habitante das zonas máis secas de Galicia. Como queira que encontra mellor o alimento en zonas sen moita vexetación, os terreos arados e secos do interior foron sen dúbida un medio moi característico da especie. Co abandono da agricultura cada vez quedan menos zonas idóneas para esta Limícola na nosa comunidade.
A pesar de ser unha especie non demasiado conspicua debeu de ser moi común nas amplas superficies secas que deixaba no verán a desaparecida lagoa de Antela (Ourense). As enormes veigas pastoreadas deberon ser todo un paraíso para o alcaraván, pois o gando controla o crecemento da vexetación e diversos invertebrados están ligados aos usos pecuarios tradicionais.
Non estraña pois que a maior parte dos nomes populares galegos do alcaraván procedan do Sur de Ourense e Lugo.
Antonio Villarino e Serafín González, no libro sobre vertebrados da Limia (Limaia Producións) citan os seguintes nesta larga chaira: pernileiro, correboi, burileiro, dormideira, redomir, carluiz e pirulí. O Dicionario de dicionarios (ILG. Barrié de la Maza) indica carluís como nome en Sober (recollido por Aníbal Otero) e pernileiro en Medeiros-Monterrei (anotado polo lexicógrafo Elixio Rivas Quintas).
Permítome reproducir a descrición da voz pernileiro do último autor, do val de Monterrei:"pájaro grande nocturno, que pone dos huevos grandes casi como de gallina y su canto parece decir pernil, pernil".
Nomes populares como perluiz, dormir, peroluís tamén se rexistraron no N de Portugal, Castela e Canarias, e son de nítida orixe onomatopeica, moi evidentes para quen coñeza o reclamo e canto da especie.
Alcaraván é un nome de orixe árabe, moi difundido popularmente por Castela, Aragón e Andalucía, sendo tamén nome portugués (como é esperable, sobre todo no sur do país e baixo a forma alcaravao, co ditongo final au nasalizado tan característico deste idioma). Estas voces tiveron a fortuna de seren as escollidas no castelán e portugués culto polo que alcaraván é forma ben coñecida polos ornitólogos galegos. Até onde sabemos, non é voz xenuinamente popular en Galicia.
A presenza en galego do termo alcaraván (Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega, varios dicionarios, lista de nomes de M. Conde) débese ao feito de ser forma medieval xa en galegoportugués e que usualmente os dicionarios galegos soen completar os ocos da súa terminoloxía con termos comúns ao portugués e castelán.
O nome pernileiro, no entanto, está plenamente apoiado polo uso en recentes guías de aves e como vemos, por unhas máis que demostradas referencias populares.

Sem comentários: