segunda-feira, julho 26, 2010

Bubulcus ibis

Bubulcus ibis é o nome científico dunha intrépida garza, orixinaria do Sur de Europa, África e Sur de Asia, que colonizou exitosamente o continente americano a partir do sec. XIX, ocupando no XX as terras de Australia e Nova Celandia. A pesar que xa ten criado nas Illas Británicas e que chega ata as remotas illas Malvinas, non cría en Galicia de momento, sendo, por outra parte, relativamente rara no noroeste ibérico.

En lingua galega, como é de esperar, non ten nome popular. Ora ben, de documentos medievais galegoportugueses coñécese doral, tamén referida no castelán, que F. Bernis interpreta como nome de Bubulcus ibis. Probablemente a voz galega teña a súa orixe nunha tradución de textos de cetrería.

En castelán escrito úsanse actualmente os nomes garza vaquera, garza ganadera (México), garcita bueyera (Arxentina) e garcilla bueyera (España). Neste último país son máis frecuentes popularmente formas como reznero ou espulgabueyes, sendo garcilla bueyera unha voz de carácter máis libresco. En Portugal a lista técnica prefería ata hai pouco garça-boieira, nome probablemente inspirado nos nomes español, inglés e francés, que fan todos eles referencia ao gando. Nunha reforma recente da lista técnica ornitolóxica lusitana deuse preferencia a carraceiro, nome popular alentexano. As carraças son os carrachos, tamén denominados carrazas nalgunha zona do sur de Galicia. Facemos notar a similar orixe semántica das voces populares ibéricas, pois rezno é carracho en castelán.

No Brasil, úsase , no entanto, garça-vaqueira para esta especie tan asociada aos bovinos, entre os que atopa o seu alimento (invertebrados diversos).

Nas listas galegas teñense usado dúas denominacións, unha é garza mediana, outra garza boieira. A primeira é unha creación terminolóxica recente, dos anos 70 do sec. XX, talvez inspirada no nome meá, que designa en tratados medievais galegoportugueses un tipo de garza, de entre varias citadas nunha paxareira. Ou se cadra é nome unicamente motivado polo seu tamaño. Garza boieira é evidente adaptación, tamén recente, de garcilla bueyera, garça-boieira e cattle egret.