domingo, novembro 12, 2006

osgas e salmantesas

No galego escrito téñense empregado recentemente dous nomes para Tarentola mauritanica, un é osga, outro salmantesa. Tarentola é un réptil nocturno da rexión mediterránea, común e bastante coñecido por frecuentar as casas de campo en busca de insectos.

A voz osga encontrámola no Vocabulario das Ciencias Naturais (A. Sanjuán, M. A. Fernández, M. P. Jiménez, P. Brañas, Ed. Xunta de Galicia, 1991). A súa orixe está no portugués osga, voz común nesta lingua para este réptil. A súa etimoloxía é descoñecida.

Salmantesa aparece na excelente guía de P. Galán dos Anfibios e Réptiles de Galicia, da Ed. Xerais. Tras buscar con pouco éxito en Galicia a orixe deste nome, internet deunos unha pista valiosa. Aparece nun glosario na rede da fala do municipio de Odón (Teruel) como denominación para salamanquesa (voz castelá da Tarentola). Esta forma, salamanquesa, deriva, por certo, de salamanca, palabra dialectal castelá e galega que se aplica á pintega, anfibio frecuente en terras norteñas de Iberia. Non sabemos do uso popular de salmantesa en Galicia. No libro Xogos populares en Galicia, de 1986 , e de autores R. Pérez y Verde e X. A. Tabernero Balsa, aparece salmantesa como nome para Mantis religiosa, insecto máis coñecido por barbantesa, parraguesa e galbana.

O castelán salamanquesa tén sido tamén empregado na literatura, aínda que non de forma frecuente, como cabe esperar desde animal escaso en Galicia de forma natural..polo menos en canto as temperaturas medias non soben un pouco máis...

"O bolimarte é algo así como unha salamanquesa; outros din que o que somella é un alacrán. Tén crista roxa, coma de galo, na cabeza. Medirá unha media cuarta, i o máis do seu corpo é rabo. Pón un ovo cada sete anos, e precisamente no niño do moucho; os ovos do moucho son brancos i o do Bolimarte mouro, pro o moucho non se decata" .

Álvaro Cunqueiro (1960). Escola de menciñeiros. Ed. Galaxia.

A escolla estaría, talvez, entre unha palabra estándar portuguesa (variante románica máis afín ao galego) e un aparente localismo castelán, salmantesa. Parece máis recomendable a primeira.

Nas falas galaico-portuguesas, para algúns de orixe galega, do Val de Xálima (Cáceres) aparecen as voces zaparrostro e santurrostro, que enlazan coa forma local saltarrostros, do castelán actual -con influencia asturleonesa- das Arribas do Douro (Zamora-Salamanca). Ata o momento non nos consta o seu uso en Galicia.

7 comentários:

Anónimo disse...

Concordo com a escolha. Uma cousinha, o epíteto específico é mauritanica, nom mauretanica.

Um saúdo

branda disse...

Já corrigim o erro, é pois, mauritanica. Obrigado!

Cosme Damian Romai Cousido disse...
Este comentário foi removido por um gestor do blogue.
Cosme Damian Romai Cousido disse...

Saúdos Miguel!
Gosto muito do teu blog!!!

Sobre Tarentola mauritanica, apontar um vernáculo extendido pola sua principal (e quiçá única) área de distribuiçom da Galiza, que é o vale de Monte-Rei (por exemplo em Vilaça), e recolhido polos herpetólogos Martiño Cabana Otero e Antonio Sampedro: ladra.

Penso que é o vernáculo ainda vivo que paga a pena conservar.

Cumprimentos,
Cosme Damián Romai

branda disse...

Graciñas Cosme,

Xa coñecía o nome "ladra", aplicado a un "lagarto con mobilidade reducida", visto en dicionarios e léxicos de Verín. Sospeitaba que podía ser Tarentola, pero non tiña elementos de xuízo. É fantástico que poida agora confirmar a identificación!! Graciñas!!

Martiño Cabana Otero disse...

Ola, son Martiño Cabana, o herpetólogo do que falaba Damián. Tamén hai outro vernáculo na zona, "lasca" aínda que de moita menor difusión que "ladra".

Unh aperta,

Martiño

Martiño Cabana Otero disse...

Ola, son Martiño Cabana, o herpetólogo do que falaba Damián. Tamén hai outro vernáculo na zona, "lasca" aínda que de moita menor difusión que "ladra".

Unh aperta,

Martiño