segunda-feira, outubro 30, 2006

Herpestes ichneumon

Este mamífero vivérrido é común na metade S da Península Ibérica e en toda África. Xa que non se encontraron restos fósiles até o momento, pénsase que puido ser introducido polos árabes. No Vocabulario das Ciencias Naturais (A. Sanjuán, M. A. Fernández, M. P. Jiménez, P. Brañas, Ed. Xunta de Galicia, 1991) denominano mangosta (cfr. ingl. Egyptian mongoose, fr. mangouste, port. mangusto). A forma rexístrase en galego xa en 1937, na obra "O idioma dos animás (opúscaro de enxebreza)" de Fuco Gómez...impresa en Cuba!

"mangostas, toiróns e outras alimarías andan a pesca de gazapos, de porcos d'Indias"

Creo que sería necesario un adxectivo, pois hai diferentes especies do xénero Herpestes. En catalán úsase mangosta africana. En Portugal mangusto e manguço son nomes xerais, pero para Herpestes ichneumon é común hoxe saca-rabos. Curiosamente esta forma case coincide co nome para a xeneta de moitos lugares de Ourense, rabisaco.

"Disparamos-lles un par de veces ós pombos, inutilmente, e vimos un rabisaco insolente que non nos interesou. Baixamos da lomba cara a un río, atravesámo-lo nun vao, non sen caer e mollar-nos"

Morning Star (Miranda, Xosé, Ed.Xerais, Vigo, 1998)

Herpestes ichneumon puido estar presente en Galicia hai algún tempo como se suxire no "Atlas de los Mamíferos Terrestres de España", sería algunha vez chamado rabisaco?

Sacarrabos é continuadora dos usos galegos e é popular no S de Portugal. Sen obstáculo para que denominemos mangosta en xeral a todas as especies similares.

A curiosa ruta da mangosta: do marathi, lingua da India, ao ingl. ou francés (mongoose, mangouste). Se cadra primeiro directamente ao portugués. Do francés ao castelán. Do castelán..ao galego literario moderno.

Galemys pirenaicus

Leo no Atlas de Vertebrados de Galicia (SGHN-Consello da Cultura, 1995) o nome rato de almiscre para este interesante mamífero insectívoro acuático, e aparecen tamén as variantes aguaneira, toupeira de auga e toupa de río. No libro "Os Espazos Naturais de Galicia", de varios autores ( Ed. Nigra-Trea, 2004) aparece aguaneiro como voz para a especie. Que forma escoller?

Rato de almiscre é bastante antiga, recóllea o Padre Sarmiento como rato de almizcle en 1755 (Diccionario de diccionarios, ILG-F. Barrié) e di del: " Es ratón pequeño que anda en los muros viejos cuyo excremento huele mucho. Haylos en Pontevedra ". O normativo hoxe para almizcle é ALMISCRE.

Aguaneiro rexístraa Frei Juan Sobreira en Ribadavia no séc. XVIII, como "rato de agoa". En todos os dicionarios antigos e información dialectal diversa aparece como sinónimo de aguadana (en Barbanza, recollida por nós), coa variantes :
- aguana ("rata de agua", en Amandi e Pantón)
- aguano (Lemos)
- aguanón ("rato grande dos muíños", en Corzáns; "ratón grande de agua, que abre los buceyros de las pozas y hace que escape el agua", en Areas)
- aguaneira ("rata grande del río de color negro", en Camposancos, A Guarda)
- ougana ("rata de agua", Parada de Sil).

Por tanto, pensamos que é un dos nomes orixinais de Arvicola sapidus, un roedor de hábitos anfibios que é común nos prados e ríos de Galicia, máis fácil de ver, diúrna e que ademais tén o costume de facer buratos nos ribazos.

A adscrición como Galemys pensamos que xorde no dicionario inacabado da Academia Galega (1913-1928), onde á par de Arvicola aplícaselle a Mygale (nome antigo de Galemys), transladándose de forma idéntica a outros textos que a copiaron, sen dúbida.

A translación do nome dunha especie a outra é comprensible, e entra dentro das "licenzas" que se pode permitir a lingua culta, que tende a especializar o significado de nomes de uso xeral popular. Agora ben, non sería máis fiel á fala reservar ese nome para Arvicola, tendo en conta o uso? Ou estará xa consolidada a voz aguaneiro para Galemys polo uso hoxe repetido nos textos galegos técnicos?


Porén, na tradición escrita, isto nos di, en "Xeografía fito-zoolóxica", Luís Iglesias Iglesias, en 1962 :

"A fauna destas brañas está formada por lontras (Lutra lutra), aguaneiros (Arvicola amphibius), pôlas de auga (Gallinula chloropus chloropus), galiñas de auga (Fulica atra atra)..."

Ou na literatura recente:

"Teñen calas, crisantemos e xirasois nun cacho de horta. Antre froles, a Señora Elisa mirra-se, eivadiña, dominada por un perpetuo horror aos grandes ratos e aguaneiras que inzan nas beiras do riacho que pasa ao pé da casoupiña en que viven".

Méndez Ferrín (1986) Antón e os inocentes.

Sobre toupeira de auga e toupa de río non sabemos do seu uso popular, pero son moi apropiados para a especie, pois Galemys é tamén un mamífero insectívoro como a toupeira. O español desmán, chegou a través do fr. desman, e este do sueco desman, e segundo algúns, do uso dos lapóns, que cazaban unha especie similar, que a denominarían a partir dunha corrupción do nome xermánico " der maus" (ou sexa "o rato").

Lemos isto no material da páxina do Ministerio de Medio Ambiente, falando sobre biodiversidade e o nome desmán:

"Graells (1897) fue el primero en importar el galicismo, aunque también aportó un gran número de nomes vernáculos, recogidos en toda España, como el de almizclera o rata de almizcle (y sus variantes idiomáticas) y rata o topo de agua, a los que añadimos diversas variantes de aguadañón o aguarón" ...Resaltamos aquí que aguadaña é variante de aguadana nos dicionarios galegos...outra vez a conexión das dúas especies!!

Por todo isto, pola súas afinidades taxonómicas parécenos máis recomendable o uso de toupa de río (común coa variante castelá topo de río) ou toupeira de auga (seguindo o uso portugués). Hoxe en día toupeira de água é a voz normal e asentada en Portugal. Penso que vale a pena ese pequeno esforzo de unificación coa lingua lusa. Tendo en conta que toupeira designa a toupa só na faixa occidental galega, toupa de río tamén a vemos moi recomendable.
Por último, a forma desmán (usada en varias linguas europeas) non tivo até hoxe moito uso en galego.

sábado, outubro 28, 2006

cimbros e xenebros

O Juniperus communis é un pequeno arbusto da familia dos alciprestes, que habita de forma natural en Galicia só nos máis altos cumes das serras orientais. Os seus froitos son empregados para a elaboración da bebida chamada xenebra. A Real Academia Galega recomenda nun dicionario xenebro e xenebreiro para a árbore (Dic. castelán-galego Barrie De la Maza), mentres ca no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (2004), base das súas obras lexicográficas , só se recolle cimbro (anotado como Juniperus).

Cal das dúas formas sería preferible?

Vexamos os pros e contras:

A voz xenebro non tén case uso para denominar a árbore. Non é esperable en galego, por manter -n- intervocálico (castelán de Álava ginebro, aragonés chinebro), nin se rexistra popularmente en Galicia.

Xenebreiro pode considerarse un neoloxismo culto, a partir do nome da bebida, xenebra, do fr. antigo genèvre (port. genebra, cast. ginebra). É a forma máis usada nos textos actuais galegos...e se rexistra como variante de uso menor en Portugal (genebreiro).

Cimbro ofrécenos, etimoloxicamente, unha evolución curiosa, a partir do esperable ximbro, do que non sabemos do seu uso popular nin literario. Jimbro é forma antiga ou dialectal en port. e castelán (Dic. Crítico Etimológico Castellano e Hispánico de Corominas). Segundo a información de internet, jimbro é voz das falas leonesas e castelán-leonesas das Arribas do Douro e Zamora, para o xénero. Xa nun glosario latino-arábigo do S. XI se rexistrou a mudanza de j a z, coa forma zimbrus, de acordo co Dic. de Corominas, que tamén nos di que Miguel de Unamuno citou jimbre en Salamanca. Hoxe zimbro é a forma máis frecuente en portugués.

Cimbro para Juniperus só a rexistramos recentemente en galego nalgúns textos técnicos (guías e folletos).

Un punto ao favor de cimbro é a afinidade co uso portugués, pola contra, unha obxección é que no galego existe tamén esta palabra co significado de "cume" ou "cúspide", podendo dar lugar a confusións,

Así, vemos esta tradución do texto latino Quinto Horacio Flacco. Canciós. Libro I (por Aquilino Iglesia Alvariño, alá por 1951)

"Din cabo a un monumento máis perene que o bronce e máis outo que os cimbros dos panteós dos reises, que no o poida arrasar nin o luír da chuva; ni'as gadoupas do vento desvairado; ni'a longa catropea dos anos que non poden contar-se; ni'os pasos solermiños e lixeiros do tempo"

Non puidemos atopar aínda referencias de nomes populares nas terras orientais de Trevinca ou Porto (Zamora), pero sería raro que non existiran, dada a secular cultura pastoril da zonas altas....seguiremos buscando, pois, o nome tradicional do Juniperus.

quarta-feira, outubro 25, 2006

Rupicapra

Rupicapra rupicapra é o nome científico do rebezo, un mamífero parecido a unha cabra ou antílope, que aínda mora nos cumes dos Montes Cantábricos, onde chega a ser común en certas zonas. En galego tense usado con certa frecuencia a voz rebeco nos textos modernos, aínda que a Real Academia Galega recomenda REBEZO. Segundo o "Diccionario General de la Lengua Asturiana", de Xosé Lluís García Arias, rebezu é voz tamén empregada en terras leonesas próximas, concretamente en Laciana e Palacios del Sil. Con respecto á forma usada en Portugal, camurça, emparentada co castelán gamuza, non sabemos do seu uso popular en Galicia, aínda que si aparece en diccionarios históricos dos séculos pasados.


Isto é o que nos di Ánxel Fole, en 1953 en "Á lus do candil. Contos a carón do lume":

"vense os montes máis outos da Serra: O Piapáxaro, Lucenza, Montouto, o monte da Golada. Os seus cumios están cubertos de neve hastra o verao. Nos días sereos do inverno e da primavera, relocen coma si foran de azucre. Según os vellos máis vellos, fai moitos anos nas devesas había osos e cervos, e nos cumiales muitos rebezos. Mais aínda se atopan corzos e xabarís. E tamén moitas perdices, lebres e coellos. "

Ou o "Diccionario castellano-gallego" de Marcial Valladares, en 1884:

na voz GAMUZA: "(...)Rebezo o Rebeco; (...)Encuéntrase en las altas montañas, hasta en las nieves perpétuas, y forma pequeños rebaños en los Pirineos, montañas de Santander, Leon, Asturias y sierra del Caurel, en Galicia. Las Gamuzas no viven contentas sino sobre las rocas y entre los precipicios donde se puedan poner al abrigo de los rayos del sol. (...). Trepan con agilidad sorprendente, saltan de risco en risco y, cuando corren, parece mas bien que escapan."

Tendo en conta a súa base popular e literaria, reflexo dunha antiga distribución histórica, rebezo parece a forma máis recomendable en lingua galega. Sen obstáculo para que os dicionarios actuais recuperen outras formas literarias comúns ao ámbito lusófono, como camurza.

quinta-feira, outubro 19, 2006

tomiños, tomillos e tomentelos

O xénero Thymus é un grupo de plantas da familia das labiadas que son especialmente frecuentes na metade oriental de Galicia, aínda que algunha especie tamén se ve en zonas baixas do territorio. En castelán chámase tomillo, e en portugués tomilho /tumillu/ - segundo os dicionarios un castelanismo que penetrou na lingua lusa-. O galego conserva unha forma autóctona de denominalo, como é o de TOMIÑO, aínda que TOMILLO é frecuente tamén no uso popular. É indicativo que TOMIÑO se manteña nas áreas de clima mediterráneo. Así, segundo a información do "Diccionario de diccionarios" (Instituto da Lingua Galega-Fundación Barrié De la Maza), tomiño sería voz usada sobre todo no SE de Ourense, na área de Quiroga, Valdeorras e Bierzo Occidental.

Foi por isto que TOMIÑO foi escollida como forma estándar nos dicionarios galegos actuais. Nas Rías Baixas coñécese o TOMENTELO, que Xosé Ramón García, na Guía das Plantas con Flores de Galicia, aplica a Thymus caespititius, estando presente nas partes baixas de Galicia. O tomento, segundo o dicionario, é unha especie de peluxe que teñen as plantas.