Leo no Atlas de Vertebrados de Galicia (SGHN-Consello da Cultura, 1995) o nome
rato de almiscre para este interesante mamífero insectívoro acuático, e aparecen tamén as variantes
aguaneira,
toupeira de auga e
toupa de río. No libro "Os Espazos Naturais de Galicia", de varios autores ( Ed. Nigra-Trea, 2004) aparece
aguaneiro como voz para a especie. Que forma escoller?
Rato de almiscre é bastante antiga, recóllea o Padre Sarmiento como
rato de almizcle en 1755 (Diccionario de diccionarios, ILG-F. Barrié) e di del: " Es ratón pequeño que anda en los muros viejos cuyo excremento huele mucho. Haylos en Pontevedra ". O normativo hoxe para almizcle é ALMISCRE.
Aguaneiro rexístraa Frei Juan Sobreira en Ribadavia no séc. XVIII, como "rato de agoa". En todos os dicionarios antigos e información dialectal diversa aparece como sinónimo de aguadana (en Barbanza, recollida por nós), coa variantes :
- aguana ("rata de agua", en Amandi e Pantón)
- aguano (Lemos)
- aguanón ("rato grande dos muíños", en Corzáns; "ratón grande de agua, que abre los buceyros de las pozas y hace que escape el agua", en Areas)
- aguaneira ("rata grande del río de color negro", en Camposancos, A Guarda)
- ougana ("rata de agua", Parada de Sil).
Por tanto, pensamos que é un dos nomes orixinais de
Arvicola sapidus, un roedor de hábitos anfibios que é común nos prados e ríos de Galicia, máis fácil de ver, diúrna e que ademais tén o costume de facer buratos nos ribazos.
A adscrición como
Galemys pensamos que xorde no dicionario inacabado da Academia Galega (1913-1928), onde á par de
Arvicola aplícaselle a
Mygale (nome antigo de
Galemys), transladándose de forma idéntica a outros textos que a copiaron, sen dúbida.
A translación do nome dunha especie a outra é comprensible, e entra dentro das "licenzas" que se pode permitir a lingua culta, que tende a especializar o significado de nomes de uso xeral popular. Agora ben, non sería máis fiel á fala reservar ese nome para
Arvicola, tendo en conta o uso? Ou estará xa consolidada a voz
aguaneiro para
Galemys polo uso hoxe repetido nos textos galegos técnicos?
Porén, na tradición escrita, isto nos di, en "Xeografía fito-zoolóxica", Luís Iglesias Iglesias, en 1962 :
"
A fauna destas brañas está formada por lontras (Lutra lutra), aguaneiros (Arvicola amphibius), pôlas de auga (Gallinula chloropus chloropus), galiñas de auga (Fulica atra atra)..."
Ou na literatura recente:
"Teñen calas, crisantemos e xirasois nun cacho de horta. Antre froles, a Señora Elisa mirra-se, eivadiña, dominada por un perpetuo horror aos grandes ratos e aguaneiras que inzan nas beiras do riacho que pasa ao pé da casoupiña en que viven". Méndez Ferrín (1986) Antón e os inocentes.
Sobre
toupeira de auga e
toupa de río non sabemos do seu uso popular, pero son moi apropiados para a especie, pois
Galemys é tamén un mamífero insectívoro como a toupeira. O español
desmán, chegou a través do fr. desman, e este do sueco desman, e segundo algúns, do uso dos lapóns, que cazaban unha especie similar, que a denominarían a partir dunha corrupción do nome xermánico " der maus" (ou sexa "o rato").
Lemos isto no material da páxina do Ministerio de Medio Ambiente, falando sobre biodiversidade e o nome desmán:
"Graells (1897) fue el primero en importar el galicismo, aunque también aportó un gran número de nomes vernáculos, recogidos en toda España, como el de almizclera o rata de almizcle (y sus variantes idiomáticas) y rata o topo de agua, a los que añadimos diversas variantes de aguadañón o aguarón" ...
Resaltamos aquí que aguadaña é variante de aguadana nos dicionarios galegos...outra vez a conexión das dúas especies!!Por todo isto, pola súas afinidades taxonómicas parécenos máis recomendable o uso de
toupa de río (común coa variante castelá
topo de río) ou
toupeira de auga (seguindo o uso portugués). Hoxe en día
toupeira de água é a voz normal e asentada en Portugal. Penso que vale a pena ese pequeno esforzo de unificación coa lingua lusa. Tendo en conta que toupeira designa a toupa só na faixa occidental galega,
toupa de río tamén a vemos moi recomendable.
Por último, a forma
desmán (usada en varias linguas europeas) non tivo até hoxe moito uso en galego.